Estados alterados das bruxas. 7. Homes e as súas flores


Homes e as súas flores

                Era un día radiante de verán. Un home trouxo á miña porta a orquídea cultivada máis fermosa como proba de amor. Outro día, no outono, un home puxo na miña man un ramiño de narcisos amarelos collidos na ribeira e dixo “mira cántos”.

              Entre ambos homes, ou polo medio deles, outros homes deixaron para min outras flores, de natureza máis ou menos coñecida. Dunha vez un foi quen de subir a montaña nevada onde medra o edelweiss, que significa en alemán branco puro, para facermo chegar dentro dun sobre cunha carta. Doutra, o que na escuridade me pareceu moreno e estampado no vestir, e a chegada da alba revelou loiro e a piques de vestir un uniforme verde. E o neno co que de nena me adentrei nos misterios do universo nadando polo río, entre lirios acuáticos. E o maior que me aprendeu os aromas das flores, as especias e os praceres de Oriente. Tamén o que seica aínda ás veces cabalga polas dunas recolectando rosas labradas polo vento, e as vai gardando para cando volva ao deserto, se regreso. Ou mestre que seducín en canto saín da escola e debuxaba margaridas. Ou que me seduciu, que cultivaba herba de namorar en macetas caseiras, e ía esculpindo nela formas de paxaros. Un amigo para sempre, que non puido coas miñas debilidades e me abandonou, non sen antes enviarme ao hospital un ramo de flores con todas as cores da primavera. E aínda varios outros que pola súa brevidade vexetal apenas lembro e aqueles máis que, pola pouca habilidade floral, prefiro non lembrar.

Seguramente ningún deles pensou, mentres me procuraban cadanseu agasallo florido, no moito que valoro eu outras cousas, como observar a cadenciosa respiración dos seres vivos ou o tempo non vivido. No mencer e no solpor, gosto de botar as horas contemplando as flores rotando sobre si, seguindo a luz...

              E mentres vexo como dunha flor a outra flor os amadores van pasando, penso a miúdo nos minutos perdidos... Os minutos nos que fiquei desperta, deitada xunto aos meus amadores mentres eles durmían... Eses minutos xuntos, sumaban unha vida!